Comunicación son os sinais producidos por un individuo, un emisor, que transmite información a outro individuo, un receptor. Pero tamén é comunicación o bramido dun cervo macho, os sinais químicos que lanzan algúns animais, o canto dun paxaro, etc.

En canto ás funcións da comunicación animal atópanse entre outras reunir os sexos para a reprodución.
Outra función é con motivo de distanciarse doutros animais, como unha forma de establecer límites territoriais e posicións dentro dunha xerarquía. Nunha manada de lobos indican o seu sometemento agachando o lombo, poñendo as orellas cara atrás e colocando o rabo entre as patas.

Na defensa contra o ataque de rivais ou depredadores, moitas veces interveñen sinais intensos. Os mamíferos adoitan emitir ruxidos ou berros fortes ou graves cando se senten ameazados. Os coellos e os cervos fan sinais co rabo co obxetivo de advertir aos demais dalgún perigo inminente. En cambio as aves, empregan berros de alarma.

Un individuo dun grupo que atopou unha fonte de alimento adoita transmitir esa información ao resto dos seus compañeiros. É o caso das abellas e as ratas.

En canto aos sinais de comunicación hai que dicir que adoptan distintas formas. Isto depende do que se queira transmitir, a distancia que esta ten que percorrer e o hábitat dos animais en cuestión. Os sinais poden ser:

  • Químicos: Dependen do sentido do olfato e nalgunhas ocasións do gusto. Estes sinais poden percorrer grandes distancias cando son transportados polas correntes do aire. As sustancias químicas específicas que producen efectos concretos chámanse feromonas. Nas colonias de abellas, por exemplo, a raíña produce unha feromona "real" que impide o desenvolvemento dos ovarios das obreiras.
  • Acústicos: Viaxan en todas as direccións e o receptor localízaas con facilidade. Por exemplo, algunhas aves, ras e sapos posúen grandes sacos vocais que aumentan considerablemente os sons que emiten. No caso dos sapos, por exemplo, emiten un son para atraer á femia e outro para "avisar" a outros que el tamén é macho. Os sons de baixa frecuencia viaxan máis lonxe, por ese motivo animais de gran tamaño como as baleas e os elefantes úsanos para comunicarse a grandes distancias.
  • Visuais: Adoitan ser rechamantes ou consistir en movementos bruscos. Unha das garras do cangrexo violinista macho é maior que a outra, ten cores fortes e sacódea para atraer ás femias. As cores das ás dos machos de moitas aves atraen ás súas compañeiras en distancias curtas.
  • Táctiles: Teñen unha gran importancia entre os primates, como unha forma de indicación de amizade e para tranquilizar.
  • Vibracións: Actúan só en distancias moi curtas. Por exemplo, os machos dos heterópteros producen ondas na superficie da auga para que sexan detectadas polos machos rivais e as femias potenciais. As toupas golpean a súa cabeza contra o teito dos seus túneles subterráneos para comunicarse cos seus rivais ou coas súas parellas.
  • Eléctricas: Algúns peixes usan sinais electricas capaces de atravesar corpos sólidos. Son utilizadas para a agresión, para o cortexo e para orientarse.
  • Danza das abellas: A danza da abella prodúcese cando unha obreira recolectora atopa unha fonte de alimento, regresa e executa encima do panal, unha danza en forma de oito. A obreira sacode o seu abdome a un lado e a outro acompañada dun son breve. Se o alimento se atópa preto da colmea o contoneo e o ruído será máis intenso; e se está máis afastado será máis lento. O ángulo de execución indicará a posición do alimento.

Comunicación animal e Comunicación humana:

O interese destes sistemas de comunicación radica nas súas semellanzas e diferenzas coa linguaxe humana:

1. A linguaxe humana caracterízase por ter dobre articulación; é dicir, está formada por elementos con contido semántico, compostas á súa vez por elementos dun conxunto restrinxido de sons (os fonemas). Pola súa banda, os sinais dos sistemas de comunicación animal carecen deste grao de estrutura.

2. Os sinais dos sistemas de comunicación animal adoitan producirse como reacción a estímulos externos. Tampouco poden facer referencia a feitos afastados no espazo ou no tempo (salvo, quizais, no caso da información transmitida pola danza as abellas).

3. Os sistemas de comunicación animal non se aprenden, son innatos e instintivos.

4. A linguaxe humana é creativa, porque permite sempre a creación de novos sinais combinando elementos preexistentes. Esta capacidade combinatoria non existe na linguaxe animal.

En resumo, que a comunicación non é algo único e exclusivo do ser humano, ainda que sí é certo que o noso sistema comunicativo é moito máis complexo e rico permitíndonos así unha comunicación máis ampla por dicilo dalgunha maneira.